Tuesday 16 de April de 2024

Os premios da Xunta do Certame Cooperativismo no Ensino recaen en oito centros das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra


― A Administración autonómica vén de fallar os galardóns que recibirán os oito colexios emprazados en Cangas, Boiro, Redondela, Vigo, Vila de Cruces, O Porriño, Barreiros e A Coruña

― O certame escolar estivo aberto á participación de centros de infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

― A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste un total de 28.000 euros nestes galardóns

Oito centros educativos de Cangas, Boiro, Redondela, Vigo, Vila de Cruces e O Porriño (Pontevedra); Barreiros (Lugo); e da Coruña recibirán os premios da Xunta do certame Cooperativismo no Ensino, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de fallar.

Trátase dunha iniciativa coa que se pretende difundir e promover os valores desta fórmula de economía social entre a poboación escolar galega, en concreto, entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

O certame conta cunha dotación económica de 28.000 euros que se destinan aos premios nas diferentes categorías que se agrupan en tres modalidades diferentes: en actividades artísticas resultaron gañadores na categoría destinada ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil: o CEIP Plurilingüe Domaio, de Cangas, polo traballo Todos somos especiais: Cooperación espacial; e o accésit recaeu no CEIP Plurilingüe de Abanqueiro, de Boiro por Escultura narrativa.

Na categoría para o primeiro e segundo curso de Educación Primaria resultaron galardoados o CEIP Plurilingüe Domaio, de Cangas, por S.O.S. ao planeta, cooperamos por un mundo máis sostible; e o accésit recaeu en Animalízate! Amor con patas: Museo dos Animais do CEIP de Laredo, en Chapela (Redondela).

O premio ao mellor traballo da categoría de terceiro e cuarto de Educación Primaria recaeu en Cooperativa 3D do CEIP San Miguel de Reinante Barreiros (Lugo); e o accésit en Mulleres estrela, creando referentes do CEIP Plurilingüe Domaio.

Por último, na cuarta categoría desta modalidade, a dirixida a quinto e sexto de Educación Primaria, resultou vencedor o traballo Tecendo a cooperativa, do CEIP San Miguel Reinante Barreiros; o accésit foi para o CEIP Plurilingüe Domaio por Na nosa orixe cooperamos para evolucionar.

Na segunda modalidade do certame, para actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial, recibirán o premio o Centro de Educación Especial Aceesca do Porriño por Cooperativa Escolar O Mistral: Iniciativa “Para unha vida sen límites”; e o accésit, o IES Valadares de Vigo por Lugh: Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil do Sobreiral de Valadares.

Mellor proxecto empresarial
A terceira modalidade do concurso para proxectos empresariais cooperativos premia a centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. Nesta edición o premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para Sentidiño, sociedade cooperativa xuvenil galega presentado polo CIFP Imaxe e Son da Coruña. O accésit será para Contorno accesible do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (Pontevedra).

Unha das novidades deste ano consistiu en que o mellor traballo da modalidade de proxecto empresarial, ademais dun galardón económico poderá pasar a formar parte dos eventuais programas de emprendemento na economía social que desenvolva a Xunta de Galicia no futuro.